Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continuas navegando consideramos que aceptas o seu uso.
Podes obter máis información aquí.

Aceptar
Bembrive - Patrimonio Histórico
Patrimonio Histórico
Na parroquia de Bembrive existen varios xacementos arqueolóxicos que dan constancia da antigüidade da ocupación humana da rexión. Da época Neolítica (4.000 a.C. ao 2.200 a.C.) chegaron até os nosos dias abundantes restos de monumentos funerarios, un total de 27 dolmenes ou mámoas rexistradas e encadradas nun total de 6 complexos funerarios megalíticos.

Todos este complexos funerarios do Neolítico están localizados nas zonas máis altas da parroquia, coincidindo cos límites parroquiais este e sur, e ao redor dos mesmos atopáronse, en prospeccións, restos cerámicos, ferramentas e armas. Algúns deles foron trocados de lugar ou destruídos debido á construción de diferentes infraestruturas e a total falta de protección do patrimonio en épocas anteriores.

Os seis complexos funerarios rexistrados son: O do Rebullón, na fronteira coa parroquia de Tameiga no concello de Mos, as mámoas foron mudadas de lugar e reconstruídas no Centro Culturas As Pedriñas de Mos, próximo á localización orixinal; un conxunto de mámoas desaparecidas cando se construíu a autopista AP-9 dirección Tui e o complexo funerario das Plantas, tamén na fronteira con Tameiga; os dous complexos funerarios das Pereiras, un deles desprazado pola construción da cidade deportiva do Circulo Mercantil, situados na fronteira coa parroquia de Cela do concello de Mos; e o da Xunqueira, na fronteira coa parroquia de Zamáns do concello de Vigo (Entidade Local Menor de Bembrive, 2005).

Da Idade de Ferro (600 a.C. ao 100 d.C.) consérvanse restos de dous castros, un no Arieiro e outro en Xestoso, este último é un dos mais extensos dos rexistrados en todo o val do Fragoso e aínda e posible distinguir restos das estruturas e murallas defensivas. Na zona de Chans atopáronse tamén, restos do que podería ser un xacemento da Idade de Bronce, aínda sen confirmar. Así mesmo existen indicios do que podería ser unha Villa Romana, casa de campo da época romana, na zona da Parrocha, no barrio de Segade (tradicional). Neste xacemento atopáronse numerosos restos cerámicos de tégulas e ánforas, que poderían levar a interpretación do lugar como zona de paso dunha ruta comercial romana, hai que ter en conta que por este lugar pasaba a antiga estrada que comunicaba Vigo con Víncios e servía de ruta de comunicación da comarca coa meseta (Entidade Local Menor de Bembrive, 2005).

Na zona da Fraga, no sur da parroquia, atópanse os restos dun antigo poboado medieval, coñecido polos veciños como As casas da Fraga e que alimenta algunhas lendas sobre a orixe da parroquia, desmentidas estas polos xacementos arqueolóxicos de máis antigüidade.

A xoia histórica de Bembrive é a súa Igrexa, rematada polo mestre Rodrigo no ano 1185 e, tomando como bases as ruínas dun templo anterior, xustifica a súa orixe prerrománica. Isto verifícase observando a orde aleatoria das pedras da fachada, seus motivos ornamentais de tradición rupestre e os seus símbolos de estilo prerrománico.

En Bembrive tamén perduran dende os albores da Idade Media outros edificios de culto relixioso. A capela de San Cibrán, que data do ano 1529, foi reconstruida a mediados do século XX. A capela de San Blas, erixida no ano 1667, mudou a súa práctica relixiosa á Igrexa Parroquial no ano 1778. O mesmo aconteceu coa Capela de Nosa Señora da Soidade en Recaré, e coa Capela de Doce Nome de Xesúas, que se viron profanadas a mediados do século XVIII e foron pechadas ó culto.

Outras edificacións históricas da nosa parroquia son os 28 muíños  que destacan pola súa relevancia gastronómica como polo seu aspecto social, xa que eran lugares habituais de reunións veciñais. Os muíños máis antigos datan datan do ano 1528 e foron reproducíndose pouco a pouco até o ano 1930. Hoxe en día aínda funcionan 5 deles e a Entidade ten proxectos para a restauración e reapertura de outros tantos.

Ademais, Bembrive pode presumir dos 137 hórreos que aínda se manteñen en pé servindo a seus labregos. Os 11 lavadoiros que gardan na súa memoria confidencias veciñáis e 25 fontes de auga que refrescaron aos habitantes de Bembrive ao longo dos séculos. E incluso en moitos dos fogares máis antigos, persisten clásicos fornos de ferro e aperos de labranza tradicionais.

Rexistro

As Asociacións e Empresas poden rexistrarse para disfrutar do seu propio espazo privado na nosa web. Envía o formulario de solicitude e, unha vez revisado, enviarémoste os teus datos de acceso. Moitas grazas por colaborar!


Close