Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continuas navegando consideramos que aceptas o seu uso.
Podes obter máis información aquí.

Aceptar
Bembrive - Historia de Bembrive
Historia de Bembrive

Mencións á parroquia de Bembrive datan da Idade Media, naquela época a toponimia empregada era a de Benevivere, que deriva da expresión latina “bene vivere” que se pode traducir como bo vivir, topónimo común nas zonas con mosteiros. O primeiro texto histórico onde aparece Bembrive e un Documento Real do 1 de setembro do ano 915, onde o rei Ordoño II dona o poboado e a igrexa de Benevivere, en terra de Turonio, á Igrexa de Lugo (Cunqueiro & Alvarez Blázquez, 1979).

O 29 de outubro de 1024, o rei Alfonso V fai unha cesión de varias igrexas do bispado de Tui á Igrexa de Compostela, figurando entre elas a igrexa de San Pedro de Benevivere, igrexa orixinal sobre a que se construíu a actual de Santiago de Bembrive (Cunqueiro & Alvarez Blázquez, 1979).

En agosto do ano 1142, aparece, de novo, mencionada Bembrive nun Documento Real no que o rei de León, Alfonso VII, concede a Don Pelayo Menendez, bispo de Tui, o realengo de Benevivere (González Pérez C. , 2003). O documento Real reza:

"Yo el mismo Emperador de las Hispanias Alfonso VII (...) os doi el realengo de Benevivere, tanto viñas como tierras cultivadas, tanto monte como poblado, así como fuentes; os concedo tambien que que vuestros animales y reses de ganado pazcan libremente tanto en esas zonas como en las restantes, excepto en lugares cultivados o reservados, con excepción de aquellos lugares destinados a vuestra alimentación o a la vestimenta de vuestros canónigos, y que no pague tasas o impuestos en todo el Imperio” ( Documento Real de 1142, citado en Entidade Local Menor de Bembrive, 2005).

O 1 de decembro do ano 1156, o mesmo rei Alfonso VII divide as terras do bispado de Tui e concede unha parte ao bispo de Tui e a outra ao cabildo da terra do Fragoso, no documento especifícase a cesión da igrexa de Santiago de Bembrive, que naquel momento estaría en proceso de construción, e o seu couto ao bispo de Tui (Cunqueiro & Alvarez Blázquez, 1979).

O 28 de Marzo de 1169, o rei Alfonso I de Portugal, no tempo que tomou a cidade de Tui volveu a ceder a igrexa e o realengo de Benevivere ao bispo de Don Juan I. No mes de agosto do ano 1180, o rei Fernando II de León concede ao bispo de Tui Don Beltrán o couto de Benevivere (Cunqueiro & Alvarez Blázquez, 1979).

A nivel administrativo, a parroquia de Bembrive pertencía, na Idade Media, á xurisdición da Villa de Bouzas, a partir do ano 1501 convertida en concello de Bouzas. No ano 1836 pasa a formar parte do concello de Lavadores; posteriormente serán os propios veciños da parroquia os que soliciten a segregación deste concello co obxectivo de anexionarse ao concello de Vigo, nun proceso similar ao de varias parroquias dos concellos de Lavadores e Bouzas, no contexto da guerra civil e baixo os motivos de unha maior oferta de servizos de este último concello. Sería xa na posguerra, no ano 1941, cando o consello de ministros do “Nuevo Estado” aproba a integración da totalidade do concello de Lavadores no de Vigo, cando a parroquia de Bembrive pasou definitivamente a integrarse no concello de Vigo (Cunqueiro & Alvarez Blázquez, 1979).

A organización territorial da parroquia durante a Idade Media estaba conformada por casales, unidades poboacionais precursoras dos actuais barrios, que consistián nun pequeno grupo de casas en forma de aldea. Esta división confírmase nun documento do ano 1528, no que se mencionan os seguintes: A Fraga, O Valado, O Carballal, Recarei, a Baronda, Larín, O Couto, Baruxáns, Outeiro, Pousada, Mandín, Eifonso, Xestoso, Do Mosteiro de Bembrive e Mourelle (Entidade Local Menor de Bembrive, 2005).

Durante os séculos XVII e XVIII estes casales foron evolucionando cara os barrios actuais, sufrindo poucas variacións dende entón até a segunda metade do século XX, que comezan a xurdir novas denominacións de barrios que subdividen algúns dos históricos, debido ao incremento poboacional.

Continúase a aproximación á historia de Bembrive xa no século XX, sendo a principios do mesmo cando se comeza a atopar unha maior cantidade de datos.

O século XX comeza en Bembrive coa construción da maior infraestrutura da parroquia creada até a data, a canalización de auga dende o monte de Bembrive para o abastecemento da cidade de Vigo. As augas eran recollidas nas minas de Champitiel, que tomaron o nome do enxeñeiro, de orixe francés, responsable do proxecto das mesmas; para ser levadas a través da traída até o monte do Castro no centro de Vigo, onde estaban situados os depósitos. Numerosos obreiros da contorna foron desprazados a Bembrive para traballar nunhas obras que finalizarían no ano 1904.

Durante estes anos a parroquia de Bembrive, como outras moitas galegas, sufriu un proceso de forte emigración ao continente americano, sobre todo a zona de Buenos Aires na Arxentina. Nesta cidade, veciños de Bembrive e Beade fundan a Unión de Residentes de Vigo e Lavadores en Buenos Aires, institución que aínda existe na actualidade.

Eran anos de grande actividade social, política e cultural, nos primeiros anos do século XX fúndanse diversas asociacións nestes campos, como son a “Sociedad de Agricultores de Bembrive”, a “Sociedad La Repobladora Forestal”, a “Sociedad de Pastoreo y vigilancia”, a “Unión Campesina de Derechos Autónomos”, o “Círculo Cultural de Estudios Científicos Sociales La Libertad” ou a “Protectora Mutua de Seguros de Ganado Vacuno”. Todas estas asociacións foron desaparecendo cos anos ou no contexto da guerra civil e posterior ditadura franquista (Entidade Local Menor de Bembrive, 2005).

Unha das máis importantes polo seu peso foi a Sociedad de Agricultores de Bembrive, fundada no ano 1900. No ano 1913 remátanse as obras da súa sede, actual sede da Entidade Local Menor, un edificio construído a través da colaboración veciñal en traballo e recursos, co fin de ter un espazo onde reunirse, non só a Sociedad Agraria, senón todos os veciños da parroquia, e levar a cabo actividades sociais dende a política ao ocio.

O obxectivo da Sociedad de Agricultores era dar axuda ao labrego, dende a formación até o fornecemento da loxística necesaria para o traballo no campo, así como a representación das xentes da parroquia dedicadas ao agro en sociedades de ámbito xeográfico superior; na prensa histórica repítense as novas que falan de reunións de labregos no Concello de Lavadores ás que acudían representantes das diferentes parroquias. Co paso dos anos foi mudando a súa actividade cara o ámbito político, integrándose no grande movemento político-social do agrarismo galego, que perseguía coma principal obxectivo a redención dos foros (Entidade Local Menor de Bembrive, 2005).



Próximos eventos

25·07·2017

Santiago Apóstolo


01·10·2017

Festa da Sidra


02·12·2017

Carreira Solidaria


17·12·2017

Certame de Rondallas


Noticias recentes

Curso de Enxertos

Curso de Enxertos

  • 09·03·2017
  • 0

Curso de Poda

Curso de Poda

  • 09·03·2017
  • 0


Concurso Literario

Concurso Literario

  • 07·03·2017
  • 0

Rexistro

As Asociacións e Empresas poden rexistrarse para disfrutar do seu propio espazo privado na nosa web. Envía o formulario de solicitude e, unha vez revisado, enviarémoste os teus datos de acceso. Moitas grazas por colaborar!


Close